Participa na diversidade coa tua opinión

Ollando as músicas do mundo

Sons da Diversidade naceu coma un ciclo de difusión do que coñecemos como músicas de raíz. Un proxecto que puxo en marcha a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela no ano 2004, para o que contou coa colaboración da produtora Nordesía, e que resultou ser a mellor proposta para a dinamización dun espazo como é o Auditorio de Galicia, hoxe emblemático.

Catro anos de vida xa para este Sons da Diversidade que veu darlle cor ás primaveras e outonos composteláns coa música de máis de 30 artistas de todo o mundo. Michael Nyman, Lila Downs, Lhasa, Habana Blues Band, Lamatumbá, Kroke, Adriana Calcanhoto, Goran Bregovic ou Jane Birkin foron só algúns deles, e houbo tamén propostas colectivas coma Ao pé da letra ou Doménico + 2.

O inverno e a primavera de 2008 van ter, outra volta, unha nova cor e un novo sabor coas actuacións dos irlandeses Moving Hearts o 19 de xaneiro, concerto inaugural da nova tempada. Despois deles chegará Ute Lemper, no mes de febreiro; Uxía, en marzo; Tom Zé, en abril; Laurie Anderson, en maio; e Rufus Wainwright, en xuño.